Extracción de partes
Se vostede creou unha partitura para un conxunto musical, o MuseScore pode crear partituras que mostren só a parte individual de cada un dos músicos do conxunto.
Nas versións actuais do MuseScore o proceso de extracción de partes dunha partitura completa implica dous pasos principais:
- Especificar que instrumentos se inclúen en cada parte ("Definir as partes")
- A creación mesma das partes
Definición das partes
Pódense definir as partes en calquera momento despois de crear unha partitura nova. Só hai que definir as partes unha vez para cada partitura, aínda que, por suposto, é posíbel modificalas cando se necesite. As instrucións seguintes empregan un cuarteto de corda como exemplo, mais os mesmos principios se aplican a calquera outro conxunto musical.
- No menú principal escolla Ficheiro → Partes...
- Na xanela Partes prema Nova para crear unha «definición de parte».
- No panel dereito escriba as palabras que desexe para o «Nome do ficheiro» e o «Título da parte».
- Nome do ficheiro
- O nome inicial empregado para gravar a parte no computador (requirido)
- Título da parte
- O texto que aparece na primeira páxina da parte, no recanto superior esquerdo (opcional)
- Escolla o instrumento que desexe que apareza na parte marcando a opción adecuada do panel da dereita. Normalmente só se necesita un instrumento por parte, mais pode que ás veces se precise dunha parte que inclúa máis de un instrumento (como varios pentagramas de percusión). O MuseScore permite marcar o número de instrumentos por parte que se queira.
- Repita os pasos dous a catro (arriba) para cada unha das partes que precise.
- Unha vez feito, prema Fechar para saír da xanela Partes
Así se definen as partes. Non hai que facer isto de novo a non ser que se engadan ou eliminen instrumentos da partitura. Nas versións actuais do MuseScore non é posíbel partir un pentagrama único (que conteña dúas ou máis voces) en partes separadas. Por iso, calquera instrumento para o que teña que imprimir unha parte separada ten que ir no seu propio pentagrama na partitura completa. Isto require planificación adicional.
Creación das partes
Pódense crear as partes en calquera momento para ver que aparencia teñen, mais o mellor é facelo unha vez rematada a partitura, ou mesmo cando se teña escrito algo de música e se queira ver como van ser:
- No menú principal escolla Ficheiro → Partes... para voltar á xanela Partes
- No panel esquerdo, prema para escoller unha parte que queira crear e ver
- Prema Crear unha parte e engádese unha lapela nova á xanela principal do MuseScore que contén a parte recén creada.
Repita os pasos dous e tres para cada parte que desexe ver ou imprimir. Se fai alteracións en toda a partitura, pode crear de novo unha parte en calquera momento para que mostre as mudanzas que afecten a esa parte.
Gravar
Nas versións actuais do MuseScore as partes créanse como ficheiros non gravados: hai que gravar cada parte que se cree como ficheiro individual (mediante Ficheiro → Gravar...) ou perderase. Normalmente hainas que revisar antes para verificar que teñan o formato adecuado.