Introdución de notas
Para engadir notas e silencios a un pentagrama requírense catro pasos básicos:
- Seleccione a posición inicial para introducir as notas
- Seleccione o Modo de introdución de notas IMPORTANTE! (Aquí é onde se producen a maioría dos erros)
- Seleccione a duración da nota (ou descanso) que desexe introducir
- Introduza a altura (ou silencio) cun atallo de teclado, co rato ou cun teclado MIDI
Para engadir notas que se sobrepoñen no tempo mais que comezan ou rematan en tempos DIFERENTES, vexa Voces . Para os acordes, continúe lendo aquí.
Paso 1: Posición inicial
Primeiro seleccione na partitura unha nota ou silencio como posición de inicio para a introdución de notas. A introdución de notas no MuseScore substitúe as notas ou descansos existentes nun compás polas notas novas (isto é, substitúe no canto de inserir). Porén, pódense inserir compases novos en calquera momento (vexa operacións cos compases , «Inserir») ou empregue copiar e pegar para mover unha pasaxe de notas.
Paso 2: Modo de introdución de notas
O botón «N» da barra de ferramentas Introdución de notas indica se se está no modo de introdución de notas ou non. Ademais de premer o botón, pódense utilizar os atallos seguintes.
- N: Entrar no Modo de introdución de notas
- N or Escape: Saír do Modo de introdución de notas
Paso 3: Duración da nota
Unha vez no Modo de introdución de notas, seleccione a duración da nota que desexe na barra de ferramentas Introdución de notas ou empregue o atallo de teclado correspondente.
Os atallos de teclado para seleccionar a duración das notas redúcense a unha única tecla e ordénanse así:
- 1: Semifusa
- 2: Fusa
- 3: Semicorchea
- 4: Corchea
- 5: Negra
- 6: Branca
- 7: Redonda
- 9: Longa
- .: Un punto modifica a duración da selección dunha nota con puntillo
Paso 4: Introducir a altura
Con todos os instrumentos (excepto a percusión sen altura) pódense engadir alturas co rato premendo directamente o pentagrama. Para instrucións específicas para a percusión vexa Notación da percusión ). Porén, pode resultar máis rápido empregar un teclado MIDI (vexa máis abaixo) ou o teclado alfabético. Os exemplos seguintes empregan un teclado de computador normal.
Introduza as alturas escribindo a letra correspondente no teclado:
C (do) D (re) E (mi) F (fa) G (sol) A (la) B (si) C (do)
0 (cero) crea un silencio: por exemplo C D 0 E. Lembre que a duración que se seleccione para as notas (negra neste exemplo) tamén determina a duración do silencio (de negra)
Lembre que nas versións 0.9.6 e anteriores o silencio estaba na barra espaciadora. Nas versións máis recentes, esta inicia a reprodución.
Durante a introdución das notas o MuseScore avanza automaticamente na partitura. Se desexa engadir unha nota dun acorde á última nota introducida, fágao mantendo as Maiúsculas premidas e introducindo o nome dunha nota: C (do) D (re) Maiúsculas +F (fa) Maiúsculas+A (la) E (mi) F (fa)
Para crear acordes con notas de duracións diferentes vexa voces .
Se desexa engadir unha nota con puntillo, prema .. Por exemplo 5 . C 4 D E F G A (Nota: as versións 0.9.3 e anteriores empregan atallos de teclado diferentes para mudar a duración das notas. Vexa a sección de enriba para máis información)
Cando se escribe unha nota no teclado, o MuseScore escolle a oitava máis próxima da nota anterior introducida.
Para subir ou baixar a nota unha oitava, empregue os atallos de teclado seguintes:
- Ctrl+↑ (Mac: ⌘+↑): Aumentar unha oitava a altura dunha nota.
- Ctrl+↓ (Mac: ⌘+↓): Diminuír unha oitava a altura dunha nota.
Outros atallos de teclado útiles dispoñíbeis no Modo de introdución de notas:
- ↑ (Arriba): Aumentar a altura dunha nota un semitón (emprega sostidos).
- ↓ (Abaixo): Diminuír a altura dunha nota un semitón (emprega bemoles).
- R: Duplicar a última nota introducida
- Q: Acurtar á metade a duración da última nota introducida
- W: Duplicar a duración da última nota introducida
- Retroceso: Desfacer a última nota introducida
- X: Invertir a dirección da plica.
- Maiúsculas+X: Mover a cabeza da nota para o lado contrario da plica.
Teclado MIDI
Tamén se poden introducir alturas cun teclado MIDI no MuseScore na versión 0.9.6 ou posteriores.
- Conecte o teclado MIDI ao computador e prenda o teclado
- Inicie o MuseScore
- Cree unha partitura nova
- Prema para seleccionar o silencio no compás 1 para indicar onde quere que comece a introdución de notas
- Prema N para iniciar o modo de introdución de notas
- Seleccione unha duración de nota (como 5 para as negras), como se describe máis arriba
- Prema unha nota no teclado MIDI e observe que a altura se engade á partitura
Nota: o teclado MIDI introduce unha nota ou acorde de cada vez. Este modo de introdución de notas (chamado ás veces «introdución a pasos») é rápido e fiábel. Hai software de notación que tenta interpretar a «introdución en tempo real», co músico a tocar unha pasaxe e o software a tentar crear a notación. Porén, os resultados son con frecuencia pouco fiábeis mesmo cando é un músico experto quen toca e con software caro. O MuseScore céntrase en formas de introdución de notas máis fiábeis.
Se dispón de varios dispositivos MIDI ligados ao computador pode que lle teña que indicar ao MuseScore cal é o teclado MIDI. Na versión 0.9.6 e posteriores vaia a Editar → Preferencias.... (Mac: MuseScore → Preferencias...). No diálogo de preferencias prema a lapela → E/S e escolla o dispositivo na sección chamada «Escoller o dispositivo de entrada PortMidi».
Cores das notas fóra da tesitura
As notas que caen dentro da tesitura dun instrumento ou voz aparecen en negro. Porén, o MuseScore 0.9.5 e posteriores marca as notas en vermello se caen alén da tesitura normal dun instrumento. Nalgúns instrumentos a tesitura depende da destreza do músico (como as cordas, ventos ou voz). Para estes instrumentos, as notas que caen fóra da tesitura dun principiante aparecen en amarelo escuro e as notas que caen fóra da tesitura normal dun profesional aparecen en vermello.
As cores son informativas e aparecen na pantalla do computador mais non aparecen nas copias impresas das partituras. Para desactivar as cores das notas na versión 0.9.6 e posteriores escolla Editar → Preferencias... (Mac: MuseScore → Preferencias...), prema a lapela Introdución de notas e desactive «Colorar as notas que fiquen fóra da tesitura usábel».